Skip to main content

A asociación Boa Vida participa na Asemblea Emaus España

(De esquerda a dereita): José María García, presidente sainte de Emaús España; Pepa Vázquez, presidenta de Boa Vida; Paco López, novo presidente de Emaús España.

(Pontevedra, 6 de febrero de 2023).- A asociación galega Boa Vida, integrada en Emaús España, participou este 6 de febreiro en Bilbao na asemblea estatal da devandita entidade. Un encontro cuxo obxectivo era aprobar propostas para o seu debate no vindeiro congreso de outubro en Romanía de Emaús Internacional, movemento mundial de solidariedade, loita contra a pobreza e a exclusión social e laboral.

Nesta asemblea Lourdes Bustamente, responsable das tendas de Boa Vida e Pepa Vázquez, presidenta da asociación, participaron na renovación da xunta directiva de Emaús España e no establecemento de accións comúns para “profundar nos fins que compartimos todos os grupos que integran Emaús España e Emaús Internacional” explica Vázquez, “como o dereito ao traballo, axudar a paliar as necesidades e profundar nos dereitos das persoas que máis sofren coa crise e as desigualdades, ou colaborar na erradicación das causas que xeran pobreza e exclusión social e laboral”.

Como sinala á súa vez o novo presidente de Emaús España, elixido nesta asemblea, Paco López, “a vulneración de dereitos das persoas máis desfavorecidas e o índice de pobreza non deixan de incrementarse a nivel estatal”.
López lembra, de feito, os compromisos en materia de erradicación da pobreza adquiridos polo Goberno de Mariano Rajoy e polo actual de Pedro Sánchez, entre eles, reducir desde o 28,8 % ao 18,2 % a taxa de pobreza e exclusión social, e do 33,4 % ao 22 % a taxa de pobreza e exclusión infantil.

Unha situación agravada, sinala, “polas mensaxes discriminatorias que se están normalizando e extendendo en multitude de sectores sociais e nos medios de comunicación”. Principalmente, subliña, “os dirixidos cara ás persoas máis vulnerables, desprotexidas ou débiles, ás que máis sofren”.

(De esquerda a dereita): o presidente sainte de Emaús España, José María García; a presidenta de Boa Vida, Pepa Vázquez; o novo presidente de Emaús España, Paco López.

O reparto da riqueza “é perverso e cada vez se fai peor” asegura o presidente de Emaús España. Unha desigualdade que, insiste, “está a superar todos os baremos en España e fai dano, sobre todo, a aquelas persoas que viven na rúa, as máis pobres, migrantes, refuxiadas, maiores ou infancia”.

Movemento internacional de solidariedade

Emaús Internacional é un movemento de solidariedade, de carácter laico, que loita contra a pobreza e a exclusión. Conta con 350 asociacións, repartidas en 37 países de catro continentes: África, América, Asia e Europa.​
Máis de 400 grupos Emaús, con presenza en máis de 40 países, traballan a diario para acudir en axuda de persoas excluídas da sociedade e loitar contra as causas da pobreza.
Emaús leva presente en España desde principios dos anos 70 e actualmente conta con 7 organizacións membros.
Innovación, humanidade e protección do medio ambiente conforman o eixo central das actividades destas organizacións, que traballan con comunidades (nas que viven e traballan os compañeiros e compañeiras) e empresas de inserción social e laboral.

axudas, boa vida, emaús, pontevedra, solidaridade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *