Skip to main content

GRAZAS polo éxito da feira vintage no Mercado de Abastos de Pontevedra

O pasado sábado pola mañá, o Mercado de Abastos de Pontevedra encheuse de vida, cor e música coa feira vintage ao peso organizada por Boa Vida. Foi unha mañá chea de emoción, onde a moda sostible e o consumo responsable se deron a man coa alegría e a participación cidadá.

Desde Boa Vida queremos lanzar unha mensaxe moi clara: Grazas ás centos de persoas que vos achegastes a mercar roupa, a buscar ese tesouro vintage ou simplemente a compartir con nós esta experiencia única. Sen vós, nada disto tería sentido.

Tamén queremos recoñecer e agradecer de corazón o traballo incansable do equipo das Tendas Solidarias Boa Vdia, que durante semanas puxeron todo o seu empeño, creatividade e esforzo para que todo saíse perfecto. Organizalo todo, preparar as pezas, montar os espazos e coidar ata o último detalle non sería posible sen elas.

E por suposto, un enorme grazas ás persoas voluntarias, que puxeron o seu tempo, enerxía e ilusión ao servizo deste proxecto. Elas foron as que deron a benvida, axudaron a ordenar a roupa, resolveron dúbidas e mantiveron o bo ambiente durante toda a mañá. O seu compromiso é, sen dúbida, un exemplo do poder da colaboración e do traballo en equipo.

A feira incluíu ademais música en directo, que fixo que a experiencia fose aínda máis especial e animada. Entre roupa vintage, música e sorrisos, vivimos unha xornada que quedará na memoria de todas as persoas que a compartimos.

Con esta iniciativa intentamos demostrar que é posible consumir doutro xeito: apostando pola reutilización, dándolle unha segunda vida á roupa, reducindo o impacto ambiental e fomentando unha economía máis humana e sostible.

Grazas a todas e todos por formar parte deste éxito. Seguimos avanzando, con máis forza ca nunca, cara a un modelo de consumo máis consciente e responsable. Estade atentas e atentos, porque seguro que moi pronto volveremos a sorprendervos cunha nova actividade!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *