Pontevedra debuxa un mundo sen fronteiras con Boa Vida

O pasado 18 de xuño, trasladamos a nosa reivindicación ao corazón da cidade. Baixo o lema “Fronteiras visibles, dereitos invisibles”, convertemos a rúa Benito Corbal nun espazo de reflexión e participación cidadá para conmemorar o Día Mundial do Refuxiado.
Un mapa para a esperanza
Os viandantes foron os protagonistas dunha acción colectiva: sobre un gran planisferio, fomos borrando muros e fronteiras para substituílos por palabras de acollida, respecto e dignidade. Unha forma simbólica de demostrar que as fronteiras son convencións humanas, pero os dereitos son innegociables.
A realidade dos refuxiados
No acto, lemos o manifesto Fronteiras visibles, dereitos invisibles, no que lembramos que, segundo ACNUR, 41,6 millóns de persoas refuxiadas no mundo foxen da guerra, a persecución e os desastres. Falamos de persoas que escapan do xenocidio en Palestina, da guerra civil en Sudán, dos bombardeos en Ucraína, da persecución en Afganistán ou da violencia en Haití. Persoas con nomes, historias e futuro.
Denuncia e compromiso
Denunciamos con contundencia a aplicación do novo Pacto Europeo de Migración e Asilo, que impón controles exprés e externaliza as responsabilidades. Dende Boa Vida, que dende 2012 traballamos na redución de desigualdades a través da formación, o acompañamento e a economía solidaria, temos claro que o dereito de asilo non é un privilexio, senón un dereito humano básico. A seguridade constrúese con acollida, non con muros.
Un chamamento á acción
Con esta iniciativa, facemos un chamamento ás institucións e á cidadanía para construír unha sociedade máis xusta e humana. Porque cremos que outro mundo é posible: un mundo onde as persoas, e non as fronteiras, estean no centro de todas as decisións.
Seguimos na loita. Seguimos acompañando.
Podes ver a noticia do Faro de Vigo na seguinta ligazón