Prevención e sensibilización sobre o COVID 19 CPI Padrenda- Crespos
Finalizamos os dous obradoiros de prevención e sensibilización sobre o COVID 19 co alumnado de 1º,2º,3º e 4º de ESO .
Por unha banda, compartiron e puxeron palabras ao que sentiron, pensaron e viviron elas e eles durante esta época de pandemia, a través de diferentes dinámicas e usando o dado das emocións.
A prevención enfocada desde a capacidade de saber que sinto e penso, así como fortalecendo a nosa capacidade de expresión e autoestima.Durante a segunda sesión, puxémonos no lugar de diferentes colectivos que compoñen a nosa sociedade, para a través dun RollPlaying, darlles voz no congreso das deputadas e deputados .
A sensibilización enfocada desde a nosa capacidade de empatía, poñendo conciencia na diversidade da nosa sociedade e como ante unha mesma circunstancia, as nosas vivencias, facilidades, dificultades e necesidades poden ser diferentes.
Sentímonos afortunadas de poder compartir tempo e espazo coa mocidade da nosa comunidade, que sempre nos emociona coa súa dispoñibilidade, a súa humanidade e nos transmiten a confianza de saber que con elas e eles espéranos un futuro cheo de luz. “A comunidade como prevención” é un programa que foi financiado pola Deputación de Ourense, no que a parte dos obradoiros mencionados anteriormente no CPI Padrenda- Crespos, contou cunha repartición de máscaras e xel ás persoas/familias da nosa comunidade que máis o necesitan.