Skip to main content

Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!

Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!

Confinadas e empobrecidas estamos por mor dun virus. A moitas galegas esta crise pillounas núas, orfas de protección. Por iso o futuro albíscase complicado, en forma de despedimentos, ERTEs, precariedade, despexos, mortes…

Hai uns meses colectivos e asociacións do país reclamabamos facer da “RISGA UN VERDADEIRO DEREITO” para nos protexer da pegada do empobrecemento. Agora, á vista da continuidade das ineficaces e miserentas políticas sociais e da crise provocada polo coronavirus, esiximos RENDA BÁSICA, XA!

Malia os anuncios de medidas por parte do goberno central, polo momento non hai INGRESO MÍNIMO VITAL e descoñecemos o detalle da súa cobertura. Mais do que imos sabendo semella que vai beber das mesmas fontes que as políticas de rendas mínimas.

Cómpre implantar unha RENDA BÁSICA e desbotar medidas como a RISGA que cunhas contías miserentas, cun taxa de cobertura da poboación empobrecida ínfima e cun nivel altísimo de burocracia, que se traduce en obstáculos e atrasos, non serve para cubrir necesidades básicas. A RISGA non serve para erradicar a pobreza, nin antes da crise do COVID19, nin moito menos cara o futuro que entrevemos. Mais ben ofrece xestionar a miseria, ao igual que as medidas que propoñen.

Esiximos superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios. Hai uns meses Philip Alston, relator sobre extrema pobreza e dereitos humanos da ONU, visitou o Estado Español e denunciou o pantano burocrático para acceder a unha prestación.

Por isto urxen medidas transformadoras como a Renda Básica que permita unhas mínimas condicións materiais para garantir unha vida digna, desde as cales conquistar colectivamente outros dereitos.

A vida digna como dereito non se negocia nin pode agardar!

Abril 2020

Asinan:

Foro Galego de Inmigración, Oficina Dereitos Sociais de Coia, Colectivos pola Renda Básica Universal de Compostela, Betanzos e A Coruña, Boa Vida, SOS Racismo Galicia, ONGD Viraventos, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Coordinación Baladre contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social, Coordinadora de Crentes Galeg@s, Asociación Fuco Buxán, Vangarda Obreira da Coruña.

A RISGA non serve por:

1) contía miserenta: importe medio de 439 € en 2019.

2) camiño de obstáculos burocráticos: 4 meses de media para tramitala, nas grandes vilas, como Vigo, as esperas poden chegar aos 9 meses.

3) escasa cobertura: algo máis de 10.000 persoas cobran a RISGA en 2020, fronte as 470.000 que se atopan en situación de exclusión social, das cales 226.946 persoas malviven en situación de exclusión severa segundo Cáritas.

4) prestación por unidade de convivencia: que implica unha morea de atrancos se compartes vivenda con persoas que teñen ingresos ou con familiares que reciben axudas.

Fronte a isto esiximos un novo dereito, a RENDA BÁSICA:

1) suficiente: cunha contía que permita vivir cuns mínimos de dignidade, nunca por baixo do limiar da pobreza.

2) universal: dereito a unha renda individual para todas as persoas.

3) incondicional: sen contraprestacións e ao marxe das circunstancias de cada quen.

4) a renda básica permitiríanos ter unhas mínimas condicións materiais para a conquista colectiva de máis dereitos.