Skip to main content

Rexistrados como Empresa de Inserción Laboral

Moi boas e gratas novas amigas e amigos. Facémonos maiores: a sección trapera que a Asociación Boa Vida estivo mimando tantos anos, en novembro do 2019 convertiuse en empresa a fin de darlle máis forma ao noso proxecto social e impulsarnos cara a metas maiores. O ter unha forma xurídica implica que podemos acceder a contratos coa administración, ter traballadores nunha empresa que baixo criterios económicos ten unha solvencia, independencia e duración no tempo, e pouco a pouco ir facendo unha familia trapera máis ampla.

Pero as gañas de medrar non quedan aí: consideramos que unha empresa sen máis non representaba a Boa Vida, e queríamos ir máis aló e darlle o toque social que sempre nos caracterizou, e por iso comezamos os trámites para converter esta empresa en Empresa de Inserción Laboral. Esta figura legal de empresa implica que temos que ter contratado cando menos un 30% de persoas en risco de exclusión no noso plantel de persoas traballadoras, o 100% dos beneficios teñen que redistribuirse na propia empresa ao finalizar o ano (creando máis postos de traballo ou mellorando as instalacións para seguir medrando), e a nosa carteira de servizos pódese levar a novos ámbitos de traballo.

O día 30 de xullo de 2020, a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, resolveu que Vivir do Traballo comezaba a súa andadura como Empresa de Inserción Laboral, co número 66/024/2020/EIL.

Noraboa a todas e todos os que vos implicastes neste traballo, noraboa a todas e todos os que disfrutaredes do servizo.

VIVIR DO TRABALLO, E.I.L. S.L.

boa vida, Empresa Inserción, Vivir do Traballo